Non era preciso xuntar a 122 Xefes de Estado e de Goberno nunha conferencia das Nacións Unidas  para lograr un acordo tan ridículo como o de Copenhague. Abondaba con que os “elixidos”, con EUA á cabeza, organizasen unha xuntanza e envíasen o acordo ao resto por correo electrónico para que o aceptasen ou o rexeitasen.  Polo menos, teríamos aforrado algúns miles de toneladas de emisións de dióxido de carbono (CO2).

O acordo de Copenhague pode ser un primeiro paso para os EUA, mais é un paso atrás para a Humanidade na loita contra o maior problema sociambiental global. Un patético intento de ocultar o incumprimento da promesa adoptada polos líderes mundiais en Bali hai dous anos de acordar en Copenhague un novo tratado climático con compromisos obrigatorios que substituíse ou dese continuidade a partir de 2013 ao Protocolo de Quioto,  un acordo insuficiente mais sen o cal as emisións mundiais de gases causantes da mudanza climática teríanse incrementado aínda máis nos últimos anos. A conferencia de Copenhague non garantiu que se manteña a continuidade da loita internacional contra o cambio climático mediante compromisos obrigatorios unha vez concluído o primeiro período de cumprimento (2008-2012) do Protocolo de Quioto.

O acordo de Copenhague son a penas cinco folios dos que dous están ocupados por senllas táboas vacías que  recollerían, antes do 1 de febreiro do próximo ano, obxectivos de redución de emisións de países  enriquecidos para  2020 (tomando como referencia o ano que cada país queira) e accións de países en desenvolvemento. Un acordo vago que non foi adoptado pola Conferencia das Partes da Convención da ONU sobre Cambio Climático –simplemente “tomou nota”- xa que non recibiu a aprobación de todos os estados. Os estados membros da Alternativa Bolivariana para os Pobos da nosa América (ALBA) e Sudán negáronse a apoiar un documento moi decepcionante,  cociñado lonxe da vista das organizacións sociais e á marxe da inmensa maioría dos estados.

O Acordo de Copenhague recoñece que a mudanza climática global é “un dos maiores desafíos do noso tempo”. Porén, representa un adiamento na adopción dun acordo mundial ambicioso, xusto e vinculante que estea á altura da gravidade e da urxencia dese desafío, ao que non lle fica grande o cualificativo de civilizatorio.  Desde hai polo menos 20 anos non faltan razóns de peso para tomarmos moi en serio a mudanza climática, unha das caras, xunto co cénit do petróleo, da crise enerxética, parte á súa vez da crise ambiental global.  O problema xa está aquí, golpeando primeiro e máis forte ás xentes máis desfavorecidas e menos responsábeis. Porén, os impactos actuais serán pouca cousa en comparación cos futuros se superamos o limiar dunha mudanza climática moi perigosa, á que previsibelmente nos teríamos que enfrontar neste século se a temperatura media do planeta aumentase en máis de 1.5-2º C sobre os niveis preindustriais (xa aumentou en case 0,8ºC).

En Copenhague os gobernos perderon unha nova oportunidade para salvar o clima. Se continuamos a demorar o inicio dunha batalla decidida contra o cambio climático, en non moitos anos será inevitábel unha crise climática de consecuencias devastadoras, peores canto maiores sexan as emisións futuras e maior sexa o aumento da temperatura media do planeta. Estamos chocando contra os límites da Terra e canto máis insistamos en vivir por riba das posibilidades ecolóxicas mais nos achegaremos ao abismo.

As responsabilidades do fracaso  da conferencia de Copenhague parecen bastante repartidas, mais as principais deben ser atribuídas á UE e aos EUA.  A UE, que tanto se gaba de estar na vangarda da loita contra o cambio climático entre o grupo de países enriquecidos, non reforzou os insuficientes compromisos cos que se presentou en Copenhague e ficou nun segundo plano no momento máis decisivo da conferencia. Os EUA, aínda que en menor medida que con Bush na Casa Branca,  continúan a exhibir unha descomunal “vergoña climática”, esixíndolle moito aos países chamados emerxentes e esixíndose pouco a si mesmos. O Principio (non enunciado) do Egoísmo continúa a ser o de máis peso á hora de definir as posicións nas negociacións climáticas de EUA, a UE, Canadá e a xeralidade dos países enriquecidos.

E Galiza, onde está?

Galiza forma parte claramente do grupo de países responsábeis da mudanza climática. As nosas emisións anuais por habitante ascenden a 12,7 toneladas, unha cifra moi elevada que mesmo supera amplamente a media europea e española.  É certo que unha parte corresponde a emisións “importadas”, asociadas á electricidade, aos produtos petrolíferos ou ao aluminio producidos no noso territorio e exportados ao resto do Estado español ou a outros estados. Mais mesmo descontando estas emisións, o noso contributo relativo á mudanza climática seguiría a ser alto.

Segundo senllos estudos realizados nas Universidades de Santiago e da Coruña, a nosa pegada de carbono, é dicir, a superficie de terreo arborizado necesaria para absorber o CO2 procedente do consumo de enerxía, situaríase entre 1,7 e 2,1 hectáreas por persoa. Isto equivale a afirmar que abonda practicamente coa pegada de carbono, unha das compoñentes da pegada ecolóxica, para nos convertermos en “transgresores ecolóxicos” a escala global, para termos un modelo socioeconómico ecoloxicamente insustentábel.

Por suposto, non todos os galegos e galegas somos igualmente responsábeis da débeda climática que o noso país está contraendo cos países empobrecidos ao se apropiar dunha parte excesiva da capacidade que teñen os sistemas naturais do planeta de absorber CO2, cuxa superación é o que provoca a mudanza climática. Sen esquecermos que a maioría da poboación galega fai parte da chamada “clase consumidora mundial”, son os gobernos –desde os municipais até o estatal- e mais as grandes  empresas os principais responsábeis da achega  de Galiza á mudanza climática.

As emisións galegas de gases de invernadoiro foron en 2007 un 23,4% superiores ás de 1990, que é o ano de referencia para o Protocolo de Quioto. As nosas emisións aumentaron en maior medida aínda que as do conxunto dos países enriquecidos, nos que o incremento medio foi do 9,9%. Isto non aconteceu por acaso, senón pola aplicación de políticas públicas curtopracistas e irresponsábeis. Por tras destas políticas están os intereses de empresas moi poderosas. Alén de influíren decisivamente nas políticas dos gobernos, as grandes empresas son responsábeis directas de grande parte das emisións. Seis transnacionais privadas emitiron o 51,6% das emisións de gases de invernadoiro de Galiza en 2007. Son, por esta orde, Endesa –a primeira con moita diferenza, grazas á súa grande central térmica de carbón das Pontes-, Gas Natural-Unión Fenosa, Alcoa, Repsol, Ferroatlántica e Cementos Cosmos (Corporación Noroeste-Grupo Cimpor).

A xustiza climática desde Galiza

O novo tratado climático debería inspirarse nos tres “c” do Principio da Xustiza Climática: contracción (redución) das emisións mundiais; converxencia nas emisións por habitante; e compensación dos gobernos e transnacionais que son responsábeis da crise climática aos que sufren as súas consecuencias.   Que significa para un país como Galiza aplicar o Principio da Xustiza Climática?. Dúas cousas moi importantes. Reducir drasticamente as súas elevadas emisións e axudar aos países empobrecidos a mitigar (evitar emisións) e a adaptarse á mudanza climática que xa é inevitábel.

Non se trata no noso caso de desacelerar o aumento das emisións, de diminuílas a respecto dun escenario tendencial “business as usual”, como se pode esixir aos países emerxentes. Isto era, sen ir máis lonxe, o que propoñía o  plano de loita contra o cambio climático do bipartito, que se conformaba con que as emisións en 2012 fosen un 37% superiores ás rexistradas en 1990, cando en 2007, como vimos máis arriba, eran xa un 23,4% maiores. Un plano que o Goberno presidido por Feixóo  rexeitou por consideralo “demasiado irreal e ambicioso”, incluso nun contexto de crise económica que favorece a diminución de emisións. De feito, as emisións de CO2 dos sectores industriais aos que se lles aplica a Directiva Europea de Comercio de Emisións -que supoñen aproximadamente un 50% das emisións totais de gases de invernadoiro-  reducíronse  nun 32% en 2008 a respecto de 2007, por causa sobre todo da moderación do consumo de enerxía e da actividade industrial (e da parada por reformas da central térmica de carbón de Meirama). Aínda non hai datos oficiais sobre as emisións totais, mais é previsíbel que diminuísen en 2008  (e que o volvan facer en 2009).

Galiza debería comezar xa a reducir de forma sostida as emisións –máis alá de contextos de crise como o actual-  iniciando a transición cara a estilos de vida e modos de produción sustentábeis, sen recorrer ás reducións virtuais que trampas do mercado de emisións permiten ou a falsas solucións como a enerxía nuclear ou os agrocombustíbeis industriais a grande escala. Como facelo?. Pois, por exemplo, loitando porque pechen canto antes as térmicas de carbón e impulsando con forza a xeración de electricidade renovábel de xeito socioambientalmente responsábel; deixando de enterrar tanto diñeiro en estradas que xeran máis e máis tráfego e promovendo adecuadamente o transporte colectivo; ou con máis soberanía alimentaria e con menos grande distribución, “alimentos viaxeiros”  e agricultura e pesca industrial (agora tamén armada!).

Trataríase, en definitiva, de procurarmos vivir ben decrecendo o consumo de enerxía e de materiais e distribuíndo con equidade a riqueza, o que ademais de nos situar no lado da solución xusta á temíbel crise climática, nos prepararía para escenarios futuros de escaseza e encarecemento de recursos naturais, nomeadamente do petróleo, do que tanto dependemos hoxe (unha mostra diso é que fornece o 62% da enerxía dispoñíbel).

Sermos coherentes coa xustiza climática significa tamén colaborarmos, na medida das nosas responsabilidades e capacidades, nos esforzos de mitigación e adaptación á mudanza climática nos países empobrecidos. Con financiamento adicional ao destinado á cooperación, o que desde logo hoxe é moito pedir, considerando os orzamentos escandalosamente raquíticos destinados até agora á cooperación, que o Goberno Feixóo pretende reducir aínda máis para o próximo ano, até suporen tan só o 0,086% do orzamento da Xunta.

Mudemos o sistema, non o clima!

O cambio climático -e a máis ampla crise ambiental global- ten implicacións moi fondas. Cuestiona claramente o produtivismo e o consumismo. Hai algunha marxe para reducir emisións sen mudar profundamente o sistema, marxe que nos pode servir para dar os primeiros pasos (mesmo así, que difíceis están a ser!).  Mais esta marxe é insuficiente, pois sería desexábel recortar nun 80% as emisións mundiais en 2050 sobre os niveis de 1990, facéndoo sen agravar outros problemas socioambientais como a perda de biodiversidade, nun mundo no que poderían vivir 9.000 millóns de persoas que deberían ter o mesmo dereito a unha vida digna. En último termo, cómpre unha transformación radical do modelo de produción e consumo para tornalo equitativo e sustentábel, para que todos e todas poidamos vivir ben sen excedermos as capacidades dun planeta finito. Algo impensábel sen saírmos do marco capitalista.

Xosé Veiras García

Publicado no suplemento Altermundo (decembro 2009) do xornal Galicia Hoxe.

Something to say?