Flow, por amor á auga

Posted by xoseveiras on Xullo 27th, 2010

“FLOW, por amor á auga”  e un impactante documental que nos introduce na cuestión da crise da auga e o negocio que representa, o “ouro azul”.Dirixido por Irena Salina, este filme xa foi catalogado como “a verdade incómoda” da auga, participou na selección oficial no Festival de Cinema de Sundance 2008 e gañou diferentes premios noutros certames. Co subtítulo Ou cómo un grupo de corporacions nos rouban a auga, o documental expon en toda a sua crueza feitos como a privatización dos recursos acuíferos en todo o mundo, mais especialmente en África e na India, que non deixa outra opción as familias pobres que a de beberen e usaren a auga non potabel dos ríos; o grande negocio das empresas de auga embotellada, que secan os campos de Estados Unidos; ou a construción de encoros en África e China, que obriga á reubicación dos fogares de centos de miles de persoas.

Durante un periodo de cinco anos, a directora e o seu equipo viaxaron por todo o planeta entrevistando a especialistas: científicos, activistas e representantes gobernamentais e das empresas, e este documental de 87 minutos e dividido en dez fragmentos e o resultado. Acceso a FLOW, por amor a auga.

(Texto tirado da web de CIP-Ecosocial)

Os debates sobre a cuestión enerxética en Galiza adoitan xirar arredor de cómo maximizar os beneficios socioeconómicos para o noso país da actividade dun sector transformador de enerxía maioritariamente en mans de transnacionais privadas de capital non galego e  demasiado orientado. cara ao exterior.  A miúdo, as propostas en discusión só tratan de ampliar a “torta enerxética” -mantendo e ampliando a capacidade de transformación, non importando se se tratar de enerxía sucia ou renovábel, nin de cal for o seu uso ou destino- e de facer que un  bo pedazo desa “torta enerxética”  revirta en beneficio da economía galega. Cómpre ampliar a ollada e situar tamén en primeiro plano asuntos como a altísima dependencia externa (en termos de enerxía primaria), o escaso peso das renovábeis no conxunto do mix enerxético ou os impactos ambientais dentro e fóra de Galiza asociados ás transformación enerxéticas que teñen lugar na nosa terra e a un consumo enerxético galego excesivo e ineficiente.

No marco do curso de verán  da Universidade de Santiago “É posible outra economía?. A economía ecolóxica: aspectos conceptuais e aplicacións”, dirixido por Xoán Ramón Doldán García (Dpto. de Economía Aplicada) e María Luísa Chas Amil (Dpto. de Economía Cuantitativa), fixen unha aproximación desde o ecoloxismo social á xestión da enerxía en Galiza, recollida no texto Unha aproximación á situación enerxética de Galiza desde o ecoloxismo social e  nunha presentación.

Por que hai liñas de ferrocarril deficitarias en Galiza?

Posted by xoseveiras on Xullo 15th, 2010

O Ministerio de Fomento ven de anunciar o peche de liñas deficitarias de ferrocarril en todo estado entre as que, segundo novas recollidas na prensa, inclúe arredor de 30 no noso país. Mais cumpriría pedirlle un intre de reflexión a José Blanco, na súa dobre condición de ministro do ramo e de galego ao respecto da existencia desas liñas deficitarias, cando menos en Galiza. É certo que existen liñas deficitarias pero a análise ten que ir un paso máis aló e ver porqué son deficitarias.

Read the rest of this entry »

Que primeiromundista!

Posted by xoseveiras on Xuño 22nd, 2010

Cando unha empresa provoca unha catástrofe ecolóxica, ou cando un espazo rico en biodiversidade é brutalmente agredido, tendemos a cualificar o acontecido como “terceiromundista”, como algo propio dun país “atrasado”, inculto, corrupto, sen autoestima polo propio. É ben sabido que o “primeiro mundo” é outra cousa.  Mima o seu patrimonio natural máis valioso, gobérnase con competencia e con responsabilidade. Sobran en Europa exemplos diso, de norte a sur, mais tamén abundan en América do Norte, e véñenme á cabeza tres casos especialmente  reseñábeis, algún moi de actualidade nas últimas semanas, todos relacionados coa explotación de combustíbeis fóseis.

O estado máis rico do mundo permitiu, con escaso control, unha arriscada perforación petrolífera nas súas augas mariñas promovida por unha das maiores transnacionais (primeiromundista) do mundo, cuxa imprudencia e incompetencia (e afán de lucro) levou á horrorosa marea negra  que afecta o Golfo de México. E é que cando se trata de procurar combustíbeis fóseis alimentar a sobreprodución e o sobreconsumo dos países enriquecidos non só non importa provocar, accidental ou deliberadamente, directa ou indirectamente, catrástrofes ecolóxicas en países “terceiromundistas”. “Se non queda máis remedio”, pódese estragar o propio país, legalizando a catástrofe.  Así,  tamén en EEUU, podemos admirar nos Apalaches  a técnica de extracción de carbón altamente destrutiva que recibe por alá o ilustrativo nome de  “Mountaintop removal (MTR)”. E máis ao norte, en Canadá, podemos contemplar a que, se cadra, é a maior agresión local ao ambiente en todo o planeta: a explotación de areas alquitranadas en Alberta. O “primeiromundismo” é así.

PD.: Logo de escribir o texto anterior leo unha referenza a un artigo científico sobre a deforestación entre 2000 e o 2005 nos países con maiores superficies arborizadas. Onde se rexistrou a taxa de deforestación máis alta? Pois en EEUU, cuxa taxa de deforestación no devandito período foi dúas veces maior que a de Indonesia e dez máis que a da República Democrática do Congo.

En finais de abril pasado, asistín en Lisboa a unha conferencia do presidente do Grupo de Expertos da ONU sobre Mudanza Climática (IPCC polas siglas en inglés), organizada polo Programa Ambiente da Fundação Calouste Gulbenkian. Centro da atención e dos ataques dos que pretenden desprestixir  o IPCC para restar relevancia ao maior problema socioambiental global e abortar as medidas para o mitigar, Pachauri lembrou en Lisboa as evidencias da mudanza climática e o seu carácter potencialmente catastrófico. Sen agochar as incertezas da ciencia do clima, afirmou que “as certezas que xa temos son suficientes para comezarmos a actuar”. “Se a xente quere certezas totais, vai ter desastres totais”.

Read the rest of this entry »

A web de Cos Pés na Terra, que naceu en decembro de 2006,  rexistrou no período 2007-2009 unha media anual de 11.302 visitas e de 6.873 visitantes únicos. O número de visitas experimentou un pico en 2008 para volver en 2009  a niveis similares aos de 2007 (ver gráfica coa evolución do número de visitas máis abaixo).

Cos Pés na Terra é un proxecto de comunicación ecoloxista promovido desde a asociación Verdegaia e dirixido por un consello de redacción autónomo. Éste é nomeado por Verdegaia, aínda que a maioría dos seus membros non son responsábeis da asociación. Todo o traballo que fai posíbel Cos Pés na Terra é voluntario. Até hoxe non recibiu ningún financiamento público ou privado alleo a Verdegaia. O próximo número da revista, correspondente ao primeiro semestre deste ano, publicarase con certo atraso, antes de que remate o verán.

estatisticas-cos-pes-na-terra.JPG

O luxo de voar

Posted by xoseveiras on Xuño 1st, 2010

Joaquim Sempere, Profesor de Teoría Sociolóxica e Socioloxía Ambiental da Universidade de Barcelona, lembra nun artigo publicado no xornal Público, “Aviación y volcanes”, que voar en avión, o modo de transporte enerxeticamente máis ineficiente, é “un luxo ambientalmente moi caro” cuxos custos socioambientais –en particular, en termos de mudanza climática- hoxe están lonxe de se reflectiren nos prezos dos billetes, o que propicia “o uso trivializado e abusivo do avión” por parte da “quinta parte privilexiada da humanidade”. Por iso, Sempere propón encarecer as viaxes en avión, pois “só se nos acostumamos a pagar todos os custos das nosas actividades correspondentes á deterioración do medio natural, aprenderemos a respectalo”.

Entre 1990 –ano de referencia para o Protocolo de Quioto, que exclúe a aviación internacional- e 2007, a cantidade de voos no mundo duplicouse. No mesmo período, nos aeroportos galegos o tráfego anual de avións pasou de 14.568 a 50.725.  Para contribuír a que este tráfego siga crecendo -para que, como declarou hai pouco Abel Caballero, alcalde de Vigo, non se vexa constrinxido polas limitacións das infraestruturas- vanse ampliar nos próximos anos os tres aeroportos do país. Mentres aquí ampliamos aeroportos, unha das primeiras decisións do novo goberno conservador-liberal do Reino Unido foi paralizar a ampliación do aeroporto londinense de Heathrow, logo de anos de intensos protestos cidadás polo impacto negativo que tería sobre o clima (máis tráfego, máis emisións de CO2) e as poboacións locais. Unha ampliación á que se opuxeron todos os candidatos á alcaldía de Londres nas últimas eleccións locais.

A mellor homenaxe a Uxío Novoneyra

Posted by xoseveiras on Maio 18th, 2010

No Día das Letras, dedicado este ano a Uxío Novoneyra, non tería habido mellor homenaxe ao poeta do Courel que a de garantir a conservación do patrimonio natural e cultural do territorio protagonista de “Os eidos”. É o que propuxo Javier Guitián, catedrático de Botánica da Universidade de Santiago e promotor da Estación Biolóxica do Courel, nun artigo seu, “¿Habrán leído a Novoneyra?”, publicado en “La Voz de Galicia”. “A verdadeira homenaxe neste día non é só ler e difundir a súa obra senón tamén conservar todo aquilo do que nela fala e que está a piques de desaparecer”. Porén, a Consellaría do Medio Rural preferiu a anti-homenaxe de  adiar de novo a declaración do Courel como parque natural. Ao ver de Javier Guitián, desde a consellaría que se ocupa do medio rural “transmítese unha mensaxe que liquida calquera oportunidade futura para a comarca”.

No Courel, máis concretamente en Parada de Moreda, coincidiu Novoneyra coa escritora María Mariño, a quen hai tres anos se dedicou o Día das Letras -excusa para publicarmos no número dous de Cos Pés na Terra un artigo sobre ela de Isabel González Avión, “Misteriosa María“. Desta confluencia nunha aldea da alta montaña de apenas dez casas xurdiu “un taller de alta poesía”, “un fito cultural sen parangón”, en palabras de José Antonio Durán, que vén de presentar o seu documental “Tempo de Elexía. María Mariño, entre Eugenio Novo e Novoneyra”.  

courel.JPG

 

 

 

Crise ecolóxica:cara a un novo paradigma político

Posted by xoseveiras on Maio 12th, 2010

A presenza cada vez máis importante e continuada dos temas ambientais nos medios de comunicación non é fortuíta. Por suposto, non me estou a referir a calquera tipo de temática ambiental senón á que ten que ver coa problemática derivada da crise ecolóxica. Isto é así porque os datos achegados por multitude de científicos, colectivos e institucións non deixan espazo para a dúbida. A partir deles é como a preocupación sobre o medio ambiente vaise facendo un oco meirande nas axendas políticas dos diversos gobernos, foros e institucións internacionais e viceversa: a preocupación das administracións políticas e da sociedade civil tamén propician que os estudos e as análises arredor da crise ecolóxica sexan meirandes e conten cun maior apoio e con máis partidas orzamentarias.

Read the rest of this entry »

Despois de Copenhague: Como podemos salvar o mundo?

Posted by xoseveiras on Abril 19th, 2010

Ian Angus, fundador da “Ecosocialist International Network” e editor do libro “The Global Fight for Climate Justice” , participou en “O Clima Farto de Nós?”, unha conferencia organizada en Lisboa polo Bloco de Esquerda e a Esquerda Europea. No seu relatorio “After Copenhaguen: How Can We Save the World? –que se pode ler no blog “Climate and Capitalism”, do que é editor- sostivo, parafraseando a Marx, que a razón de fondo do fracaso sen paliativos de Copenhague é a condición de “personificacións do capital” dos líderes dos países enriquecidos, entregados aos intereses das grandes corporacións. A resolución plena da crise climática é incompatíbel  coa lóxica profunda do sistema capitalista global, de aí as enormes dificultades para avanzar na implementación de solucións reais ao maior problema socioambiental.

Mais, ao ver de Ian Angus, non todo foi negativo en Copenhague. Durante o cumio ficou en evidencia que un movemento democrático de masas contra a mudanza climático comezou a construírse. O próximo paso decisivo na construción dese movemento vaise dar en Cochabamba (Bolivia), onde decorrerá entre o 20 e o 22 de abril a Conferencia Mundial dos Pobos sobre a Mudanza Climática e os Dereitos da Nai Terra.  En Esquerda.net podemos ver unha pequena entrevista a Ian Angus feita durante a súa estadía en Lisboa, así como outra con Tom Kucharz, de Ecoloxistas en Acción, tamén relator na devandita conferencia.