Medidas anti-crise para afondar na crise

Posted by xoseveiras on Agosto 18th, 2008

O Goberno estatal decidiu acelerar a execución de obras públicas, fundamentalmente do Plano Estratéxico de Infraestruturas e Transporte (PEIT).  Para iso entendeu que había que “axilizar” a formulación de declaracións de impacto ambiental: por outras palabras, garantir que as obras públicas que disque nos van afastar da tan temida recesión non se verán ameazadas por un ecoloxismo “mal entendido”, que diría don Manuel (outra garantía é a susbtitución de Narbona por Espinosa).  Nestes momentos resulta oportuno reler o artigo El transporte ante el fin de la era del petróleo, que publicou hai xa máis de dous anos Roberto Bermejo, profesor de Economía Sustentábel na Universidade do País Basco e membro de Bakeaz, no xornal El Correo.  Cando o prezo do barril de petróleo aínda estaba lonxe dos 100 dólares, Roberto Bermejo analisaba o PEIT á luz de dous escenarios, o convencional (que ignora os límites ambientais) e o do teito do petróleo.  Escribía que a escalada de prezos do petróleo acabará provocando unha diminución da mobilidade motorizada (algo que xa está comezando a pasar). E que é un sinsentido seguir malgastando diñeiro nun PEIT que fortalece un sistema de transporte ineficiente, custoso, devorador de territorio e incompatíbel co Protocolo de Quioto. Mais o Goberno estatal (e os autonómicos como o galego) prefiren continuar a hipotecar o futuro con fuxidas cara a adiante.

Blog Galicia sustentable

Posted by xoseveiras on Agosto 16th, 2008

Galicia sustentable, “bitácora con claves para unha planificación estratéxica sustentable en Galicia”, é un interesante contributo desde o noso país á información e ao debate sobre os desafíos da sustentabilidade. Detrás deste blog está, a título persoal, Pérez Gulín, técnico da Administración ambiental autonómica.

Polémica de papel

Posted by xoseveiras on Agosto 12th, 2008

Hai algunhas semanas, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez (PSOE), sacou o seu lado máis “reivindicativo” para demandar publicamente ao de Industria, Fernando Blanco (BNG), que favoreza o repontenciamento dos parques eólicos existentes face á construción de novos parques. Tamén propuxo gravar os parques eólicos para compensar a poboación dos espazos naturais onde non se permita a instalación de aeroxeradores. A primeira demanda parece innecesaria. A segunda semella unha ocorrencia froito da incapacidade para obter no reparto do Orzamento da Xunta un financiamento que permita unha xestión minimamente digna dos espazos naturais protexidos.

Read the rest of this entry »

Ramón Fernández Durán, activista de Ecologistas en Acción, profesor da Universidade Carlos III e experto en temas europeos e de capitalismo global, hidrocarburos e urbanismo, entre outros ámbitos, publicou recentemente a investigación “El crepúsculo de la era trágica del petróleo”. Do contido desta publicación fala nunha entrevista para o número 3 do Boletín Ecos  de CIP-Ecosocial. Ramón Fernández Durán salienta que os impactos territoriais e ambientais do petróleo van moito máis alá dos directos (mareas negras, destrución de hábitats,…), pois algunhas das actividades máis nocivas do actual modelo urbano-agro-industrial dependen altamente do petróleo, por exemplo, a mobilidade motorizada, a urbanización acelerada e dispersa, o turismo de masas intercontinental, a agricultura industrializada, a globalización da produción e o consumo ou o desenvolvemento incontrolado da minería a ceo aberto a escala global. O “pico do petróleo” (e máis tarde o do gas natural e o do carbón) levaranos a un escenario de menor enerxía, de peor calidade e máis cara, o que “será un verdadeiro torpedo na liña de flotación do actual capitalismo globalizado, baseado na necesidade de crecemento e acumulación constante, que non nos esquezamos se basea nun consumo enerxético crecente indefinido”. Unha Era de Decrecemento, cuxo comezo xa se pode enxergar, é inevitábel. O fin da era do petróleo barato tanto pode ser unha oportunidade para a construción de sociedades mellores como pode precipitarnos cara a un colapso catastrófico. Dependerá do que fagamos nos próximos anos e nas próximas décadas.

A reserva mariña de Lira

Posted by xoseveiras on Agosto 4th, 2008

Segundo o “Estado do planeta” (edición especial de National Geographic, 2008), a comunidade local da illa filipina de Apo creou en 1982 unha zona de reserva mariña para favorecer a reprodución e recuperación das poboacións de peixes. O suceso desta iniciativa comunitaria de conservación levou a outras poboacións costeiras a seguiren o exemplo dos habitantes de Apo. Hoxe, o 91% das máis de seiscentas áreas mariñas protexidas das Filipinas son xestionadas por comunidades locais. Oxalá a recentemente creada reserva mariña de Miñarzos, impulsada polas xentes do mar de Lira (Carnota), teña o mesmo suceso e sexa a primeira de moitas máis espalladas por toda a costa galega. WWF/Adena produciu un pequeno vídeo que explica o modelo de xestión desta reserva, sen dúbida, un excelente contributo á sustentabilidade.

 

AVE? Non!

Posted by xanduro on Xullo 29th, 2008

Galiza conta na actualidade cunha rede de camiños de ferro construída e deseñada entre 1870 e 1962, rede absolutamente obsoleta que esmorece pouco a pouco tras unha xestión consciente e prolongadamente ineficaz, baseada na deterioración de liñas, na obsolescencia do material rodado,  e o peche de liñas coa escusa da falta de usuarios. Será o AVE a solución? Pero de que AVE estamos falando? Se por AVE entendemos un tren para pasaxeiros cuxo obxectivo sexa competir co avión en base a velocidades de 300/350 km/h que conecte exclusivamente grandes núcleos de poboación entón o AVE non é a solución, o AVE é un problema.

Read the rest of this entry »

Joaquim Sempere, profesor de Socioloxía ambiental na Universitat de Barcelona, nunha entrevista ao xornal La Vanguardia, di que, de non mudarmos o modelo enerxético e de sociedade, de non apostarmos pola suficiencia e a eficiencia, poderían ser posíbeis no futuro situacións do tipo da retratada no filme Mad Max. Na medida en que este tipo de escenarios se consideren imposíbeis -ou teñamos fe no milagre dunha solución tecnolóxica que forneza enerxía abundante e barata para unha economía devoradora de recursos naturais en permanente crecemento-, serán máis probábeis, pois é seguro que non actuaremos para os evitar. O curtopracismo e a ilusión da abundancia na que vivimos nos países ricos impiden considerarmos escenarios que non son inevitábeis mais tampouco imposíbeis. A era dos combustíbeis fóseis ten os décadas contadas e, perante a nosa extrema dependencia deles e as inercias socioeconómicas, e dada tamén a urxencia da loita contra as alteracións climáticas, cómpre iniciarmos xa con paso dedidido unha transición planificada cara a unha sociedade post-fosilista que afaste os perigos de catástrofe ecolóxica e de caos social.

Read the rest of this entry »

 

O Observatorio da Sustentabilidade en España (OSE) vén de lanzar unha Plataforma de Comunicación de Sustentabilidade Urbana e Territorial. Preséntase coma “un espazo de traballo, diálogo, información e xestión do coñecemento sobre cidades e territorio”. Esta nova Plataforma de Comunicación do OSE, que se suma á da Auga, “aspira a estruturar o coñecemento existente arredor da boa práctica e a xestión sustentábel, identificando, recollendo e difundindo experiencias innovadoras, novas políticas e as mellores prácticas urbanísticas e territoriais, que as converten en motor de desenvolvemento en chave de sustetabilidade”. Os eixos temáticos desta Plataforma son vivenda e edificación, cidade, territorio e mobilidade.

O ecofeminismo de Vandana Shiva

Posted by xoseveiras on Xullo 16th, 2008

big-vandanashiva.jpgMoi pouco se escribe en Galiza sobre pensamento ecoloxista. Así que é obrigado facérmonos eco do libro de Anna Cervera i Iglesias, doutora en Filosofía, sobre a ecofeminista Vandana Shiva. “Outro mundo é posíbel: o reino da necesidade de Vandana Shiva” (Baía Edicións, 2007) achéganos, cun enfoque divulgador, as chaves do pensamento e a acción desta muller da India, nos que converxen ecoloxismo, feminismo e pacifismo. Unha desas chaves é a recollida baixo a expresión “reino da necesidade”, que aparece no título do libro: a necesidade entendida como un estado de equilibrio entre a natureza e a especie humana, fronte ao mito do cremento económico infinito. No prólogo, María Xosé Agra, profesora da Universidade de Santiago, -coordenadora do libro “Ecología y feminismo”, sobre o que incluímos unha reseña no número 2 de Cos Pés na Terra- lembra que Vandana Shiva, xunto con María Mies, “forma parte do grupo de pioneiras que desde os anos oitenta dirixen os seus esforzos a conectar ecoloxía e feminismo, poñendo de relevo que a violencia, a dominación, a explotación, a militarización e a guerra toman corpo na relación entre o home e a natureza, unha relación que non pode desligarse da relación entre homes e mulleres”. O interesante libro de Anna Cervera pode servirnos a xeito de introdución para nos adentrarmos na obra de Vandana Shiva. A leitura dun dos seus principais libros, “Cosecha robada: el secuestro del suministro mundial de alimentos” (Paidós, 2003), resulta ben pertinente no contexto actual de crise alimentaria.

 

 

Bernard Cassen, ex-director xeral de Le Monde Diplomatique, estivo o pasado 10 de xullo en Oleiros para pronunciar unha conferencia sobre as contradicións entre o libre comercio e a sustentabilidade ecolóxica. Segundo unha completa crónica de Manoel Santos, publicada en Altermundo.org, Cassen falou, entre outras cousas, de como o comercio entre países que producen as mesmas cousas dispara o gasto enerxético en transporte, sen que o prezo dos produtos comerciados reflita os cuantiosos custos ecolóxicos do seu transporte a longas distancias.“Eu espero que o barril de cru suba a 300 ou a 500 dólares para que baixemos da nube, non se pode seguir así”, dixo Cassen en Oleiros.